CRTVG

Buscar

A liña Zamora-Ourense, cortada ata o 25 de xuño, con desprazamentos en bus

Publicado o 03/06/2020 14:25
A liña Zamora-Ourense, cortada ata o 25 de xuño, con desprazamentos en bus

O Adif realizará un corte extraordinario desde este mércores e ata o 25 de xuño na liña convencional Zamora-Ourense para reparar os danos rexistrados na infraestrutura tras o accidente deste pasado martes entre Carbajales e A Hiniesta (Zamora) cando a locomotora un Alvia descarrilou tras chocar cun todoterreo o que provocou dous mortos e un ferido grave.

O Adif reunirá neste corte extraordinario unha serie de actuacións previstas co fin de minimizar a repercusión sobre a conexión ferroviaria Madrid-Galicia neste período de redución da mobilidade debido á emerxencia sanitaria, segundo informaron Renfe e o Adif nun comunicado conxunto.

Renfe establecerá un plan alternativo de transporte por estrada para os clientes dos servizos afectados. Desde este mércores e ata o xoves 25 de xuño os trens afectados veranse transbordados entre Zamora e Ourense, excepto os servizos con orixe ou destino Pontevedra, que serán transbordados entre Pontevedra e Zamora e viceversa.

As prazas comercializadas serán do 50 por cento do tren e unicamente como turista. Tamén no autobús as prazas serán do 50 por cento.

Se as novas condicións de viaxe non se axustan ás necesidades dos clientes, ofrécese a posibilidade de anular os billetes sen custo. Igualmente, o cliente poderá cambiar o seu billete sen custo.

No caso de realizar a viaxe con transbordo en autocar, o cliente terá dereito á devolución do 20 por cento do importe do billete do traxecto afectado.

No caso de atraso, se o viaxeiro opta por realizar a viaxe, será acumulable, no seu caso a posible indemnización derivada do atraso á chegada, se así procede.

Adif e Renfe lamentan no seu comunicado as molestias ocasionadas aos viaxeiros.