CRTVG

Buscar

A Limia rexistra as temperaturas máis baixas, con oito graos negativos en Calvos de Randín

Publicado o 02/01/2019 13:27

Madrugada xélida a que se viviu a noite pasada na provincia de Ourense, e especialmente na comarca da Limia. Alí as temperaturas baixaron ata os oito graos negativos. Xeadas e friaxe que nin sequera o sol que saíu xa á primeira hora foi quen de combater. Toca abrigarse, porque a situación parece que será semellante nos vindeiros días. 

Hoxe na comarca da Limia o día abriu baixo cero. - 5,9 houbo en Xinzo de Limia, apenas unha décima máis en Verín. En Baltar pasaron a noite a catro graos e medio baixo cero. E en Calvos de Randín chegaron os 8,3 graos negativos.

Temperaturas baixo cero pola noite que deixaron intensa xeada ata ben entrada a mañá. E unha sensación de frío que nin sequera paliaban as raiolas do sol.

Tamén o frío intenso desta madrugada deixou incidencias nas estradas galegas á primeira hora da mañá con varias saídas de vía, sen que ningunha fose de gravidade.

Noticias web

02/01/2019