CRTVG

Buscar

A invasión do carril contrario dun dos turismos, posible causa do accidente con dous mozos mortos en Cerceda

Publicado o 08/01/2020 13:27
A invasión do carril contrario dun dos turismos, posible causa do accidente con dous mozos mortos en Cerceda

A invasión do carril contrario dun dos vehículos apúntase como posible causa do accidente de tráfico no que dúas persoas perderon a vida a pasada noite de domingo, cando circulaban pola AC-413 (á altura de Cerceda) e chocaron frontalmente contra outro vehículo, en que viaxaban outras dúas persoas que quedaron feridas.   

Así o informou este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a preguntas dos xornalistas durante a conferencia de prensa para facer balance de sinistralidade nas estradas galegas en 2019.   

Losada sinalou que a "hipótese" coa que traballa a Garda Civil é a "posible invasión do carril contrario por parte do vehículo no que faleceron os dous ocupantes".   

En calquera caso, indicou que a investigación continúa coa identificación mediante ADN dos dous mozos falecidos, tiñan entre 20 e 30 anos, un era veciño de Cerceda e o outro de Ordes, unha localidade próxima. Ambos viaxaban nun Citroën Saxo, que tras o impacto comezou a arder ata quedar completamente calcinado.   

Pola súa banda, os outros dous afectados, un home de 53 anos, e unha muller de 51, viaxaban nun mercedes todoterreo e quedaron feridos. Necesitaron asistencia sanitaria e foron trasladados en ambulancia ao hospital da Coruña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí