CRTVG

Buscar

A intrahistoria dunha investidura frustrada que evita o goberno de coalición

Publicado o 29/07/2019 10:34

Foron unhas negociacións longas, con distintas etapas e un esprinte final que acabou en frustración. Unidas Podemos comezou pedindo unha vicepresidencia e cinco ministerios, segundo El País, e acabou conformándose con tres, pero non cos ofrecidos polos socialistas.

O mércores pasado, antes das 9 da noite, desde o PSOE daban por pechada a opción do goberno de coalición e o xoves, antes da votación definitiva, Adriana Lastra comunícalle a Sánchez: "Meritxell di que Podemos pide un receso". O presidente contesta: Non, non", segundo a versión de El País. Os socialistas rexeitaban unha solución in extremis, de ultimísima hora, e asumían a derrota. Comezaba a guerra do relato.

Pola súa parte, El Mundo fala de "Operación xaque mate: así a Moncloa de Iván Redondo tratou de acabar con Iglesias". Segundo esta versión, Redondo, o estratega de referencia de Sánchez, está detrás da formulación dun goberno con Podemos sen Pablo Iglesias. Este rotativo indica que a consulta ás bases na formación morada crebou a limitada confianza entre as dúas partes e a partir de aí fragouse o relato dun Pedro Sánchez que non quere gobernar "a toda custa".

Finalemente, ABC salienta esta declaración: "Pedimos a Garzón que mediara porque non nos collían o teléfono». É a explicación do Goberno en funcións sobre o sucedido na tarde do mércores, antes da votación do día seguinte. Unidas Podemos supostamente mantivo un silencio estratéxico de varias horas ante a última oferta ministerial dos socialistas e desde o Goberno acabaron solicitando a mediación de Garzón para obter unha resposta. Pouco despois, o PSOE rompía definitivamente as negociacións.

 

Noticias web

29/07/2019