A indemnización pola perda da maleta nun aeroporto dependerá das probas achegadas
A perda das maletas nun aeroporto non implica recibir automaticamente a máxima indemnización prevista, que ascende a 1.400 euros.
Se ao chegar ao aeroporto de destino non aparece a nosa maleta, hai que formular unha protesta de inmediato. Así recomendan tanto AENA como as axencias de viaxe.
Recoñecida a perda por parte da compañía, o viaxeiro ten dereito a unha compensación económica que a Convención de Montreal fixa nun máximo de 1.400 euros. Pero, segundo o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, esta contía non se recibe de forma automática e o pasaxeiro debe achegar probas documentais do contido da equipaxe.
Desde as axencias aconsellan ter estas probas antes de viaxar.
A sentenza do tribunal europeo, que dá resposta a unha denuncia presentada nun xulgado de Barcelona, deixa así en mans dos xuíces fixar a contía da indemnización.