CRTVG

Buscar

A hostalería prepárase para abrir con novas condicións

Publicado o 03/12/2020 14:20

As terrazas poden estar ocupadas ata un 75 por cento. Dentro, só se pode cubrir a metade da capacidade e en todo caso, como moito grupos de seis persoas.

É o plan de reapertura co que hostaleiros de Santiago, Ourense, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, A Estrada e Ares, entre outros concellos galegos, preparan os negocios para esta volta á actividade.

David, de Cafetería Rosaleda di que "contan moito do tema da terraza. Pero, estamos onde estamos. Por desgraza aquí o tempo para as terrazas non é o ideal. Daquela un cincuenta por cento dentro do negocio é insuficiente totalmente e logo, seguimos pendentes das axudas que ía dar".

Lolo, do bar O Gato Negro fala de que teñen ganas de volver: "Nós levamos agora co local pechado desde o 22 de outubro e con esa ansia de volver e esperando funcionar de novo".

E Diana, de Bar Avión, que sirve cafés e almorzos para levar non se amosa moi optimista:"Este é un local de moito consumo na barra e como temos poucas mesas e na terraza só dúas,...tampouco creo que vaiamos facer moito, pero imos ver...".

A prohibición de servir e consumir na barra e o tope de ocupación interior á metade son as limitacións peor acollidas por boa parte de hostaleiros tras o anuncio das últimas medidas da Xunta.

Lois Lopez, directivo da Asociación Hostalería Compostela afirma que "unha limitación de capacidade por baixo do 75 por cento deixa fóra unha grande parte de negocios sen ningunha alternativa, nin plan B nin axudas estables que permitan manter eses negocios, as persoas que traballan nel, os equipos de traballo...".

Os establecementos de hostalería localizados nos concellos en que se permite a actividade xeral condicionada desde mañá deberán pechar ás once da noite.

Noticias web

03/12/2020