CRTVG

Buscar

"A gripe deste ano está sendo suave, aínda que sempre hai casos graves"

Publicado o 08/01/2020 10:47

A gripe deste inverso está sendo "suave e non debería ser complicada, aínda que sempre hai casos graves, pero é máis polas circunstancias do paciente que pola propia gripe", explicou no Bos días, Plácido Mayán, coordinador dos servizos de urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

"É certo que de momento os casos son excasos e aínda se tardará unhas semanas en chegar ao pico máximo. Espérase que nas próximas semanas aumenten, pero as previsións coa gripe sempre son variables", asegurou o doutor Mayán. 

A recomendación con esta enfermidade é que tomala con calma: "A gripe é unha enfermidade que se pasa na casa sen problemas. Alguén ten que preocuparse se prolongan os síntomas máis alá dunha semana, se agrava algunha patoloxía que xa tiñan, se presentan difucultade respiratoria ou non se responde ben aos antitérmicos. É neses casos nos que se debe acudir aos centros médicos ou a urxencias", concluíu o o responsable de urxencia do CHUS.

57 persoas tiveron que ser ingresadas no hospital a causa da gripe nos últimos tres meses e só dúas precisaron coidados intensivos. Os últimos datos publicados polo Sergas indican que a incidencia do virus é baixa, con 53 casos positivos das 482 mostras analizadas.

Así que, aínda que a campaña de vacinación rematou hai unha semana, existen doses suficientes para que os grupos máis vulnerables fronte ao virus poidan protexerse se non o fixeron. Ata finais deste mes están a tempo de acudir ao centro de saúde e solicitar a vacina.

 

Noticias web

08/01/2020