CRTVG

Buscar

A gota fría deixa un falecido e cinco desaparecidos en Cataluña

Publicado o 23/10/2019 21:13

• Localizaron o cadáver dun home de 75 anos en Arenys de Munt

• Un camioneiro belga, quinto desaparecido nas chuvias torrenciais

• O temporal de chuvia e vento obrigou a cortar o tráfico en medio cento de estradas e deixou 30.000 clientes sen luz

Continúa a busca de cinco persoas desaprecidas en Tarragona a causa dunha gota fría que deixou tamén unha vítima mortal.  O seu cadáver xa foi localizado nunha praia, en Arenus de Munt. Pola contra seguen, sen aparecer catro persoas en Tarragona, dúas en Vilaverd, nai e fillo, e outras dúas en Francolí, lugar onde si se localizou un vehículo envorcado no río. A quinta é un camioneiro belga. O vehículo apareceu envorcado no río Francolí.

Case 300 litros por metro cadrado en poucas horas e 200 en Xirona. O presidente da Generalitat, que visitou esta tarde as zonas máis afectadas, dixo que había moito tempo que non se vivía en Cataluña un temporal asi, algo que comparten moitos dos afectados.

"A chuvia de onte á noite foi... eu en 16 anos que levo vivindo nesta zona nunca vin tanta auga". "Estaba todo cheo de lodo, de lama, e tivemos que limpar todo, aínda o estamos limpando".

En Tarragona buscan os desparecidos pola riada e en Arenys de Mar. Apareceu o coche do home de 75 anos que faleceu cando intentaba retiralo.

A alcaldesa de Arenys de Mar sinala: "O volume de auga que caeu era tan importante que se anegaron baixos aquí en primeira liña e dun quilómetro para adentro".

Ademais, unha nena de 7 anos e unha muller de 35 quedaron feridas leves debido aos estragos causados pola chuvia neste cámping de Gualba, en Barcelona.

"Isto foi que se movia ata o módulo, sorte que nós só temos iso, pero isto é o que tiñamos para vivir e é unha pena", din nun cámping. 

E un maquinista dun tren de mercadorías que transportaba papel entre Madrid e Barcelona está ingresado no hospital ao envorcar o convoi.

O temporal de chuvia e vento obrigou a cortar o tráfico en medio cento de estradas e deixou 30.000 abonados sen luz.

A gota fría desprazouse cara a Asturias e Cantabria. En Asturias vixían o nivel do río Sella e en Cantabria, a forte chuvia xa provocou cortes de tráfico e de luz, e inundacións en medio cento de baixos. Segundo as previsións dos meteorólogos, nesta zona seguirá chovendo intensamente ata o xoves ao mediodía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/10/2019