CRTVG

Buscar

A Generalitat estuda aprazar tres meses as eleccións do 14-F pola pandemia

Publicado o 13/01/2021 20:19

Cinco mil contaxios nas últimas 24 horas e os expertos alertando de que o pico da terceira vaga coincidirá coa campaña electoral. Con eses datos sobre a mesa, a Generalitat comeza a barallar a suspensión dos comicios convocados para dentro de 32 días. Ciudadanos apoia a idea porque, din, non se ven facendo campaña coas UCI ateigadas.

Carlos Carrizosa, de Ciudadanos, pregúntase se "de verdade cren que podemos mirar aos ollos dos cataláns e dicirlles 'saíde votar, que todo está controlado'?".

A CUP e os comúns tamén apoian o aprazamento. Os nacionalistas non o rexeitan, pero queren esperar ao informe que a consellería emitirá este xoves. Só o PSC sostén que, sen confinamento xeneralizado, non hai motivos para deixar de ir votar.

Miquel Iceta, líder do PSC, argumenta: "Estamos facendo campañas de que estamos abrindo as escolas. Non abriremos as escolas e pecharemos os colexios electorais".

Postura que os nacionalistas relacionan coas enquisas favorables á candidatura de Salvador Illa.

Para Sergi Sabrià, de ERC, "semella que Illa é o único ministro de Saúde do mundo que pon por diante os intereses electorais que os colectivos".

Albert Batet, de JuntsXCat, cre que "as présas do PSC non son tanto para que haxa unhas eleccións como para que o señor Iceta sexa ministro".

O Sindic des Greuges, equivalente ao noso Valedor do Pobo, apoia a suspensión porque calcula que o 14 de febreiro haberá arredor de 200.000 cataláns confinados. A decisión final adoptarase na mesa de partidos deste venres.

Noticias web

13/01/2021