CRTVG

Buscar

A Garda Civil trata de aclarar os motivos polos que o coche se foi contra a cabina de portaxe de Guísamo

Publicado o 20/01/2020 14:28

A Garda Civil mantén aberta unha investigación para esclarecer as causas do accidente rexistrado na peaxe de Guísamo, en que unha muller perdeu a vida. 

O momento do accidente mortal de Guísamo foi gravado pola cámara de seguridade da AP-9. O vehículo entra na zona da peaxe e realiza un cambio brusco de dirección, aparentemente a gran velocidade, antes de bater contra unha das cabinas de cobro. O condutor sufriu feridas leves, pero a súa muller, que viaxaba de copiloto, faleceu. Tamén resultou ferida grave a traballadora de Audasa que estaba no posto de cobro.

A Garda Civil mantén aberta unha investigación para esclarecer as causas do accidente. Pero a velocidade pode ser clave en sinistros coma este. E determina o tempo que tarda en parar o vehículo.

Distancias que aumentan se, igual que o día do accidente de Guísamo, a estrada está mollada. Nese caso, e a unha velocidade de 120 quilómetros hora, serían necesarios 146 metros, é dicir, a distancia duns 9 tráilers, para deter o vehículo.

Con todo, ás veces falta concienciación. Hai só dous días a DXT detectou un coche de alta gama a 229 quilómetros por hora no Corgo, na autovía A-6. E só dous días antes, tamén na rede viaria galega, os axentes descubriron outros dous condutores que circulaban a velocidades próximas aos 200 quilómetros horas.

Ademais, superar en máis de 80 quilómetros hora a velocidade establecida, considérase un delito, que á parte da retirada do permiso de conducir, pode levar multa, traballos á comunidade, e mesmo penas de prisión.

Noticias web

20/01/2020