CRTVG

Buscar

Novos temerarios ao volante: conduce en Negreira cun amigo enganchado no capó

Publicado o 07/08/2019 16:10

• Grazas á colaboración cidadá puideron identificar os imprudentes

 

No último dos vídeos detectados pola Garda Civil vese unha moza de 21 anos que conducía pola estrada de Logrosa a Negreira cun home semiespido no capó. Os feitos ocorreron o 21 de xullo. A Garda Civil puido coñecer todos estes datos grazas á colaboración cidadá.

Arestora a condutora atópase pendente de ser xulgada. Feitos coma este poden supoñer unha retirada do carné de 1 a 6 anos, e a pena de cárcere entre 6 meses e dous anos. O mozo do capó terá unha sanción administrativa de 80 euros.

A este súmanse varios casos similares de condutores gravados mentres poñen en perigo a seguridade viaria, e cuxa identificación é posible grazas ás achegas da xente. Onte, sen ir máis lonxe, penaban a este mozo de 24 anos que conducía a 201 quilómetros por hora nunha estrada limitada a 80 en Ponteceso con 480 euros e 8 meses de retirada de carné.

Do mesmo xeito identificaron este outro que conducía pola estrada de Santiago á Estrada cun detector de radares instalado no seu vehículo, que lle supuxo 200 euros de multa e a retirada de 3 puntos do carné.

O último ano investigáronse en Galicia 10 delitos por exceso de velocidade e 13 por conducción temeraria.