CRTVG

Buscar

A Garda Civil confirma que os restos óseos atopados en Cerdido pertencen ao mozo desaparecido Yago de la Puente

Publicado o 29/08/2020 14:43

A primeira hora desta madrugada a través das redes sociais, o pai de Yago de la Puente daba a coñecer a noticia que ninguén quería escoitar: a Garda Civil confirmaba que os restos atopados o mércores no concello coruñés de Cerdido eran do mozo desaparecido hai un ano. Así o deron a coñecer nun comunicado no que agradecían o apoio de familiares e amigos que participaron na súa busca e tamén expresaban a súa fonda conmoción pola nova.

Pouco despois, a páxina de sos desparecidos tamén se facía eco do desgraciado descubrimento.
O servizo de criminalística da Garda Civil ratificou que os restos óseos que atopou un veciño este mércores na parroquia da Barqueira, en Cerdido, presentaban unha correspondencia xenética do cen por cento co mozo desaparecido. O achado produciuse nunha zona de matogueiras, a poucos centos de metros de onde Yago fora visto por última vez con vida.

No lugar realizáranse numerosas batidas sen resultados sobre o seu paradoiro. Durante todo este tempo, tampouco se atopou ningunha peza de roupa nin a mochila que o mozo levaba no momento da súa desaparición, polo que a Garda Civil continúa tentando clarificar as circunstancias nas que se produciu a súa morte.




 

Noticias web

29/08/2020