CRTVG

Buscar

A gala dos Premios Martín Códax reivindica a "cultura segura" e o valor da música

Publicado o 21/10/2020 22:22
A gala dos Premios Martín Códax reivindica a "cultura segura" e o valor da música

Os Premios Martín Códax da Música Galega celebraron este mércores a súa gala, en que entregaron as xa famosas estatuíñas das Melómanas aos proxectos premiados e tamén o premio honorífico, que recaeu na cantora María Manuela. Moita música en directo e por suposto referencias á pandemia en clave de humor e de reivindicación. "A cultura é segura" foi unha das mensaxes que máis se escoitou nun encontro, este ano, con estritas medidas de seguridade.

Guadi Galego levou o premio ao mellor proxecto de pop e indie, Silvia Penide ao de Canción de Autora, Músculo ao de Electrónica, Magín Blanco e a Banda das Apertas ao de Música Infantil, Taller Atlántico Contemporáneo ao de Música Clásica e Contemporánea, Najla Shami ao de Músicas do Mundo e así ata dezasete categorías en que os Premios Martín Códax destacaron a produción da música galega. Entre os e as artistas que se fixeron co galardón, especial mención mereceu a Banda de Música de Merza, que estreou nova categoría, a de Bandas de Música Popular.

Como nas primeiras edicións do certame, a categoría de Música Tradicional e Folk desdobrouse en dúas; quedou premiado Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na de Música Tradicional e Caldo na categoría de Música Folk.

No discurso final da gala, a xunta directiva de Músicas ao Vivo, ademais de salientar o agradecemento ás e aos participantes, patrocinadores, colaboradores, socias e socios, fixo un chamamento ás administracións pola desprotección social e laboral endémica que sofre o sector e que se viu agudizada pola actual crise sanitaria.

Noticias web

21/10/2020