CRTVG

Buscar

A Fundación Repsol premia a creación dun novo material alternativo ao coiro

Publicado o 18/02/2019 21:31

Para responder á demanda de coiro que hai en Galicia habería que sacrificar 165.000 vacas. É o calculo que fixeron os alumnos de dous centros de Formación Profesional da Coruña, que acaban de gañar o programa Emprendemento en FP da Fundación Repsol cun produto que presentan como alternativa ao coiro.

Son os primeiros produtos feitos con biotea, un novo material téxtil desenvolvido a partir de fungos e cunha textura similar á do coiro. 

Marcos Daporta, alumno do IES Fernando Wirtz da Coruña: "Unha alternativa totalmente ecolóxica, biodegradable, endémica, de aquí de Galicia. Por riba, non ten ningunha clase de residuos. Comparece o futuro. Ademais está feito de fungos, algo que temos aquí a abundar".

Os creadores do biotea, que colaboraron durante o proceso coas marcas Elena Ferro e Manolo Cremallera, destacan tamén a redución do uso de auga na produción desta alternativa ao coiro. 

José Ramón Mosquera, alumno do IES Fernando Wirtz da Coruña: "Facer un bolso de pel ten un consumo de dúas cisternas e media de auga. Con este sistema, o consumo de auga sería residual. É moi importante a diferenza de impacto ambiental que hai producindo dunha maneira ou doutra".

Máis de 50 alumnos e unha ducia de profesores pertencentes a nove centros educativos da provincia da Coruña participaron na segunda edición deste programa de emprendemento. Os alumnos, asesorados por voluntarios de Repsol, recibiron máis de 20 horas de formación.

Noticias web

18/02/2019