CRTVG

Buscar

A Fundación Fraga afirma que a agresión á súa sede é obra de "fanáticos"

Publicado o 11/12/2019 13:07
A Fundación Fraga afirma que a agresión á súa sede é obra de "fanáticos"

O presidente da Fundación Manuel Fraga e ex-presidente do Parlamento de Galicia, José María García Leira, cualificou como "fanáticos" os autores da nova agresión contra a casa natal do político vilalbés, que é tamén a sede deste colectivo na capital chairega.

Segundo García Leira, este tipo de actos vandálicos son obra de "xente que opina que aqueles que non pensan coma eles non son persoas normais", cando "os anormais son eles".

Desde o seu punto de vista, son persoas que "están encerradas nun círculo e consideran que todos aqueles que están fóra do círculo son un anatema, un inimigo ao que hai que combater".

Opina que só mediante a "educación" e a "cultura" se lle pode poñer freo a esta forma de comportamento, porque no caso da Fundación Manuel Fraga non pensan en "montar garda permanente" ás portas da súa sede para evitar este tipo de agresións.

De feito, García Leira lembrou que "é a sétima ou a oitava" vez que se producen actos vandálicos deste tipo.

Como en ocasións anteriores, a Fundación xa deu orde do limpar as pintadas que, neste caso, afectan a porta principal do inmoble e á placa de bronce que hai na fachada.

Tamén confirmou que a Garda Civil xa está a investigar este suceso.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí