CRTVG

Buscar

A folga de Renfe obrigou a cancelar máis de 60 trens en Galicia

Publicado o 15/07/2019 19:54

Renfe cancelou un total de 62 trens con chegada ou saída desde Galicia ante a folga convocada para este luns por Comisións Obreiras (CC. OO.), nunha xornada que coincide coa segunda fase da operación saída das vacacións de verán. Así, segundo fontes de Renfe consultadas por Europa Press, máis de 60 trens non circularán este luns pola comunidade, dos cales 33 se corresponden a media distancia. A nivel nacional, Renfe cancelou 320 trens dos programados para este luns, 107 deles de AVE e longa distancia.

CC. OO. convocou esta xornada de folga ao considerar que a empresa incumpriu "o pactado respecto ás tres principais materias do novo convenio, isto é, "xerar emprego, reducir a xornada e aumentar o soldo", e estimar "esgotada" a vía da negociación. O sindicato denuncia que Renfe non está a xerar novo emprego, dado que os novos traballadores que se incorporan substitúen os que se acollen ao plan de baixas incentivadas. A formación sindical tamén protesta por que a operadora decida "de forma unilateral" a forma de computar a redución de xornada a 37 horas e media semanais. Ademais, sinala que "non se inclúe na masa salarial e, polo tanto, non se consolida o incremento salarial de 0,5% vinculado a produtividade dos anos 2017 e 2018". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí