CRTVG

Buscar

A folga contra a reforma das pensións paraliza o transporte e a educación en Francia

Publicado o 05/12/2019 14:40

Un ano despois da revolta dos chalecos amarelos, as rúas francesas volven desafíar a Emmanuel Macron. Nesta ocasión a protesta é contra a reforma da xubilación que prepara o seu goberno. Non é unha folga xeral nin conta co apoio do principal sindicato, pero os seus efectos son similares porque paran os transportes e a educación, amais dos sectores do gas a electricidade.

A folga afectou o 90% dos trens de alta velocidade e o 80% dos rexionais, e cancelou o 20% dos voos. 19 deles partían dende aeroportos españois. Pero os cidadáns estaban tan advertidos que case non houbo afluencia de público en estacións e aeroportos, e os atascos de entrada a París foron menores do habitual. Moitos compartiron coche, tiraron de bici ou optaron polo teletraballo.

Macron está disposto a discutir detalles da reforma das pensións, pero non a retirala. Quere suprimir os 42 réximes especiais que conviven actualmente, e aposta por un novo cálculo da pensión, que prexudicaría os asalariados. Descarta aumentar a idade de xubilación, actualmente nos 62 anos, 52 nalgúns réximes como o do transporte público. Os sindicatos cren que a reforma degrada os dereitos dos traballadores, e advirten que a folga pode durar varios días. Será clave a resposta que hoxe teñan nas rúas: hai 255 marchas convocadas, en que se agardan uns 300.000 manifestantes.
 

Noticias web

05/12/2019