CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide ao Supremo que rexeite todas as querelas contra o Goberno pola xestión da pandemia

Publicado o 14/09/2020 22:49
A Fiscalía pide ao Supremo que rexeite todas as querelas contra o Goberno pola xestión da pandemia

A Fiscalía pediu ao Tribunal Supremo que non admita a trámite as máis de 20 querelas interpostas ao longo do estado de alarma contra o Goberno de Pedro Sánchez pola xestión da pandemia, ao considerar que non se pode abrir unha causa xeral contra o Executivo.

Nun informe de 300 páxinas, o tenente fiscal do Supremo, Luís Navajas, aborda as vinte querelas interpostas contra os membros do Executivo de forma individualizada sen entrar en consideracións xenéricas, aínda que comparte argumentacións. As querelas diríxense nalgúns casos contra o Goberno ao completo e noutras contra o presidente Pedro Sánchez, o vicepresidente segundo Pablo Iglesias ou os ministros de Sanidade e Interior Salvador Illa e Fernando Grande Marlaska, por delito de lesións imprudente, homicidio, prevaricación administrativa, contra a seguridade dos traballadores ou desobediencia. 

E aínda que non ofrece unha visión global de todas as querelas, si que advirte en cinco delas que non se pode abrir unha causa xeral contra o Goberno ou un ministro calquera. Do mesmo xeito que asegura que "resulta contrario ás regras da lóxica e a sa crítica pensar que o conxunto de administracións que integran a Administración pública española, a pesar do seu distinto signo ideolóxico e político, e dos distintos intereses en xogo, obraron, sen excepción, de modo pouco dilixente, atendido o estado da ciencia e a técnica existentes con anterioridade ao 14 de marzo".

"Resultando aínda máis absurdo -continúa- pensar que non só a totalidade das administracións públicas españolas se mostraron neglixentes na xestión da crise da COVID-19, senón tamén as administracións competentes en materia sanitaria pertencentes ao resto de países da nosa contorna cultural".