CRTVG

Buscar

O acusado de intentar matar a muller en Castrelo do Val enfronta unha pena de 15 anos

Publicado o 04/12/2019 11:13

João Oliveira está acusado de intentar matar a súa muller. Os feitos aconteceron supostamente en Castrelo do Val o 2 de xaneiro de 2017, nunha casa que el mercara e na que foron pasar o Nadal. Segundo declarou a vítima de violencia de xénero, estaba na cociña cando, o que era o seu marido, colleuna polos pelos, golpeoulle a cabeza contra o mesado de mármore e tirouna ao chan onde lle pisou as costelas e bateuna cunha tixola na cara dicíndolle que a ía matar. O presunto agresor machista negouno.

Ela contou na súa declaración que xa esa mañá lle tirara o almorzo cando llo levou á cama e que a insultara por unha discusión. Tras a brutal agresión, á noitiña, asegura, arrastrouse ata o cuarto e deitouse ao seu carón porque non tiña os outros cuartos abertos e a porta de saída estaba pechada. O home escondeu as chaves baixo a almofada. Tamén lle retirou o teléfono móbil.

Non foi ata o día seguinte cando accedeu a levala ao hospital de Verín sempre e cando lle dixera aos médicos que caera. Segundo o escrito da fiscalía, quedáronlle cicatrices e secuelas psíquicas.

Pide para o acusado dez anos de prisión e a prohibición de achegarse a menos de 300 metros a súa ex-muller durante 15 anos por un delito de homicidio en grao de tentativa. A defensa pide a libre absolución ou un delito de lesións, e a acusación particular 13 anos de cárcere por intento de asasinato. Segundo contou a presunta vítima de violencia machista, non era a primeira vez que o seu home batía nela, xa en Portugal, conta, onde vivían, recibiu malleiras. Mañá continúa o xuízo.

 

Noticias web

04/12/2019