CRTVG

Buscar

A Fiscalía non ve delito nas protestas dunha concelleira de Vox de Galapagar fronte á casa de Iglesias e Montero

Publicado o 25/08/2020 17:37
A Fiscalía non ve delito nas protestas dunha concelleira de Vox de Galapagar fronte á casa de Iglesias e Montero

A Fiscalía de Madrid informou en contra do recurso presentado pola ministra de Igualdade, Irene Montero, ante a Audiencia Provincial de Madrid despois de que se arquivara a querela que presentou contra a concelleira de Vox en Galapagar (Madrid) Cristina Gómez Carvajal, á que acusa de coaccións e acoso diario tanto nas proximidades do seu domicilio en Galapagar (Madrid) como nas redes sociais.

Así o confirmaron fontes fiscais, que engaden que o escrito do Ministerio Público incide en que os feitos atribuídos pola ministra a Gómez Carvajal non encaixan nos tipos penais sinalados na querela. Montero presentou recurso despois de que a titular do Xulgado de Instrución e primeira instancia número 4 de Collado Villaba arquivara a denuncia que a ministra presentou a finais de xuño contra a concelleira de Vox.

A concelleira impulsou e participou en cacharradas ante a casa onde residen o vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, e a ministra de Igualdade, Irene Montero, na localidade de Galapagar, situada na zona norte da Comunidade de Madrid. A formación que lidera Santiago Abascal asegurou, tras facerse pública a querela de Montero contra a súa concelleira Cristina Gómez Carvajal, que a ía expedientar por estes feitos, tras lembrar que xa foi expedientada anteriormente "por cousas inapropiadas que fixo".

Noticias web

25/08/2020