CRTVG

Buscar

A Fiscalía abre unha investigación penal pola viaxe do Fuenlabrada á Coruña

Publicado o 24/07/2020 13:49

• Estudará se se cometeu un delito por non comunicar o brote antes

• Ingresa no hospital un dos xogadores tras sufrir un esvaecemento

 

A Fiscalía da Coruña abriu dilixencias de investigación sobre a viaxe do CF Fuenlabrada á Coruña, por se cometese un delito ao non comunicar o brote de coronavirus que puido detectar a pasada fin de semana en Madrid e despois emprender o traxecto co resto do persoal cara á Coruña.

"A investigación ten como obxectivo esclarecer os feitos e determinar se teñen alcance penal", informan a Efe fontes da Fiscalía, que engaden que "o procedemento ten carácter reservado, polo que non se informará do mesmo ata a súa conclusión".

O Concello da Coruña presentou este xoves ante o Fiscal Xefe da Audiencia Provincial da Coruña un "extenso" escrito para que "se depuren responsabilidades", no caso de que as houber, ben "penais" ou ben "por vía administrativa", polo que considera unha "neglixencia" neste caso.

"A partir do momento en que se toman dilixencias, o asunto deixa de estar nas nosas mans e eu vou ser extremadamente prudente e non haberá máis comentarios", dixo en declaracións aos xornalistas esta mañá a alcaldesa da Coruña, Inés Rei.

Respecto ao incremento do brote no club madrileño, que pasou a ter 12 contaxiados confirmados na Coruña, a rexedora indicou que "o impacto xa foi bastante doloroso o propio luns e isto o único que fai é confirmar que efectivamente había un brote no equipo".

Así mesmo, engadiu que "os futbolistas e o persoal do equipo" que están contaxiados "son os que peor o están pasando", polo que lles desexou unha pronta recuperación.

Tamén agradeceu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "apoie" a posición do Concello porque "non queda outra" que abrir ese expediente informativo por se se cometeu unha "irregularidade".

Noticias web

24/07/2020