CRTVG

Buscar

A fiscala rebaixa a 9 anos a petición de cárcere para o acusado de matar unha muller en Boiro

Publicado o 11/12/2019 14:34

Na terceira sesión do xuízo polo homicidio de Triñáns, en Boiro, dous médicos explicaron que o procesado consumira alcol, cocaína e cánnabis momentos antes de cometer o crime.

Os forenses encargados de realizar a autopsia á vítima sinalaron que o corpo tiña múltiples coiteladas. A máis grave, no peito, foi mortal de necesidade porque lle atravesou o pericardio e lle seccionou a aorta.

A fiscala, que inicialmente solicitara para o acusado 12 anos e medio de cárcere, rebaixou a petición a 9 anos ao aceptar que a inxestión de alcol e drogas puido potenciar a súa agresividade.

O avogado defensor argumentou que o seu cliente estaba seguindo no cárcere de Teixeiro un tratamento para a súa impulsividade e que merecía esa rebaixa da pena.

O procesado aproveitou a quenda de última palabra para declararse arrepentido e pedirlle perdón á familia da muller que matou.

Os membros do xurado están citados mañá para recibir o obxecto do veredicto.

Noticias web

11/12/2019