CRTVG

Buscar

A fin de semana empeza con tempo seco e solleiro e acaba coa cota de neve baixando

Publicado o 13/03/2020 13:43

A fin de semana presenta, desde a perspectiva atmosférica, un comezo e un fin moi distintos, segundo nos adiantan desde MeteoGalicia. Mañá sábado, como hoxe, vai predominar o tempo seco e solleiro, aínda que a temperatura pola noiteembraranos que estamos no inverno.

Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "Mesmo esta noite ou a seguinte non debería sorprender algunha xeada en zonas do interior. O domingo agárdase o paso dunha fronte que chegará a Galicia polo noroeste e traerá ceos anubrados e precipitacións. Estas xa comezarán pola mañá no noroeste de Galicia e no litoral atlántico e, progresivamente, durante a tarde irán afectando toda a comunidade. Pola tarde, os chuvascos que veñen tras a fronte mesmo poden estar acompañados de aparato eléctrico ou de sarabia. E atención porque a cota de neve xa pola tarde estará nos 1.200 metros, irá baixando aos mil metros e pola noite do domingo ao luns teremos a cota de neve nos 800 metros".

Será, polo que din os prognósticos unha situación efémera, porque xa no principio da semana se notará a proximidade do anticiclón.

Segundo Lage: "A vindeira semana irase recuperando progresivamente a influencia anticiclónica. O luns poderá quedar no sector norte de Galicia algún chuvasco, pero irán diminuíndo e a influencia das altas presións será a tónica dos seguintes días".

É a perspectiva para unha semana en que o inverno deixará paso á primavera.

Noticias web

13/03/2020