CRTVG

Buscar

A FEMP aproba a proposta sobre o superávit só cos votos do PSOE

Publicado o 03/08/2020 11:35
A FEMP aproba a proposta sobre o superávit só cos votos do PSOE

A Federación de Municipios e Provincias (FEMP) aprobou este luns o documento de Facenda que permite aos concellos utilizar o superávit, e conseguiuno co único voto a favor do PSOE, que suscitou un empate, roto polo voto de calidade do presidente, o socialista Abel Caballero.

A proposta de Facenda non concitou consenso como é habitual nos acordos da FEMP. A Xunta de Goberno logrou un empate: 12 votos socialistas a favor e 12 en contra (10 do PP, un de Cs e outro do PdeCat); a abstención de EU-Podemos e o empate xerado permitiu recorrer ao regulamento e o presidente e rexedor socialista inclinou a balanza cara ao acordo.

En regulamento interno da FEMP no seu artigo 29 sinala que en votacións con resultado de empate decide o voto de calidade do presidente.

Segundo fontes da negociación, o feito de que o acordo non preste suficiente atención aos municipios sen remanentes levou a votar en contra a PP, Cs e PdeCat, mentres que EU-Podemos optou pola abstención ao entender que se introduciron melloras no texto e esperaban seguir avanzando na tramitación parlamentaria.

O acordo chegou tras semanas de negociación entre Facenda e a cúpula da FEMP para aprobar un documento que permita aos concellos usar o superávit e salvar a lexislación actual que lles impide, con carácter xeral, usar os seus remanentes de tesourería.