CRTVG

Buscar

A feira do mel de Pontevedra presenta os últimos elaborados co produto das abellas

Publicado o 13/08/2019 14:03

Mel, própole, pole, xelea e diversos elaborados a partir do produto das abellas compoñen a oferta da Feira do Mel montada onda a praza de abastos de Pontevedra. Entre as novidades, un mel crema con própole e pole.

Claudio Fraga, apicultor, explica: "O própole actúa como antibiótico natural feito polas abellas ante catarros e gripes. Para previr, máis ben.
-Que prezo ten ese tarro?
-Este é para vender a 10 euros".

Na feira pódese obervar de preto como é por dentro e por fóra un niño real de avéspora asiática ou velutina, a grande inimiga das abellas. E encontramos quen comercializa arpas eléctricas antivelutina.

Fernando Cores, apicultor  di que "hai demanda bastante forte, porque realmente é un sistema que si funciona e consegue que as avespas deixen de vir ás colmeas, que é o que nos interesa".

Este ano as condicións atmosféricas favoreceron a produción de mel e atrasaron o ataque das velutinas.  Boa campaña, pois, e o mel, cada vez con máis adeptos.

A apicultora Maruxa Blanco considera que esta actividade ten futuro: "Cada vez ten máis demanda. Agora mesmo eu só recollo mel, pero hai moitos produtos que saen da colmea; própole, pole, xelea e despois, os produtos elaborados".

Un deses é a bebida denomina hidromel, tamén dispoñible na feira de Pontevedra. E acompañando, outros produtos artesanais, ecolóxicos e de proximidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2019