CRTVG

Buscar

A familia Franco pon á venda en Internet a Casa Cornide, na Coruña

Publicado o 07/07/2020 19:35
A familia Franco pon á venda en Internet a Casa Cornide, na Coruña

A familia Franco puxo á venda a Casa Cornide, na Coruña, segundo figura en portais inmobiliarios onde se especifica que se comercializa "casa ou chalé" na Cidade Vella, con 11 cuartos, 13 baños e 1.430 metros cadrados.   

"Exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e recentemente no 2018 (con estrutura metálica, de formigón e pedra)", sinalan achegado fotos das distintas estancias do interior do inmoble.   

Del, sublíñase que dispón na planta baixa "de garaxe para dous vehículos, e unha sala-almacén con xanelas a dúas rúas", así como "un apartamento de tres cuartos, cociña, sala de estar e baño". A iso, suman un apartamento para convidados.   

"Na planta superior, está situada unha fantástica biblioteca realizada en madeiras nobres", especifícase xunto a outras estancias. Ademais, no anuncio remárcase o "aspecto señorial ou pacego" do inmoble.   

A posta á venda da propiedade prodúcese cando se está celebrando o xuízo polo pazo de Meirás, no que o Estado e as demais administracións intervintes (a Xunta, a Deputación coruñesa e os concellos da Coruña e Sada) reclaman a súa devolución ao patrimonio público.   

Este pazo do século XVIII foi sede de dependencias municipais, aínda que en 1962 foi alleado mediante unha poxa pública, recaendo no empresario coruñés Pedro Barrié de la Maza.

No escrito de adxudicación, trasladábase, no entanto, a vontade de transferir o edificio a Carmen Polo, esposa do entón xefe do Estado, Francisco Franco, que a incorporou finalmente ao seu patrimonio.   

Nos últimos anos, protagonizáronse, do mesmo xeito que ocorreu co pazo de Meirás, distintas protestas e iniciativas en institucións como o Concello herculino para esixir a súa devolución ao patrimonio público. Desde o consistorio trabállase tamén en lograr a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).