CRTVG

Buscar

A familia Franco acusa o Goberno de organizar un "impúdico circo mediático"

Publicado o 25/10/2019 10:09

A familia Martínez-Bordiú Franco considerou este xoves que o Goberno organizou un "impúdico circo mediático" co que "só busca propaganda e rédito electoral" coa exhumación e reinhumación dos restos de Francisco Franco.

Por medio dun comunicado repartido por Francis Franco, o neto do ditador, á saída do cemiterio do Pardo, as familia sinalou que o Executivo "co aval dos demais poderes do Estado e da xerarquía eclesiástica consumaron a profanación do sepulcro do noso avó Francisco Franco".

Todo iso supuxo "un grave atropelo" aos dereitos fundamentais da familia, para quen, "o que o Goberno presenta como unha vitoria da democracia non é máis que un  impúdico circo mediático que só busca propaganda e rédito electoral".

Para a familia, primou a súa "firme decisión de non abandonar xamais" o ex-xefe de Estado, "cuxa dignidade e memoria" defenderon "sempre, e agora máis unido que nunca". Os netos e bisnietos de Franco agradeceron "de corazón aos miles de españois" que nestes últimos meses lles fixeron chegar "emotivas mostras de apoio, alento e lealdade", afirman.

Tamén agradecen á comunidade beneditina do Val dos Caídos que custodiase "digna e  heroicamente" os restos do ditador durante 44 anos.

Finalmente, a familia subliñou o seu agradecemento aos medios de comunicación, que os trataron "con respecto e consideración" ao longo destes meses nos que foron "obxecto de tan graves insultos e calumnias polo mero feito de exercer os dereitos que nos concede a lei".

Francis Franco: "Non podemos estar satisfeitos, pero foi digno"

Francis Franco comentou á saída do cemiterio que nun "momento como este, non se pode estar satisfeito, pero foi digno".

Recibido nas proximidades do cemiterio por un grupo de ultradereitistas, Francis Franco dixo a "todos aqueles que din que isto foi un vitoria da democracia", que o que en "realidade foi é un vitoria dos que queren separar aos españois entre azuis e roxos".

Despois de saudar aos concentrados, que rezaban un pai o noso encabezados por dous párrocos, destacou que o "acto se desenvolveuse como estaba programado e creo que foi digno, que é o que pretendiamos nós".

Preguntado pola actitude da ministra de Xustiza, Dores Delgado, que acudiu ao acto como Notaria Maior do Reino, limitouse a contestar: "moi respectuosa".

O neto do ditador asegurou que nos últimos minutos da cerimonia lles requisaron os teléfonos para evitar que distribuísen calquera tipo de gravación.