CRTVG

Buscar

A familia e a Xunta rebaixan a petición de penas a 32 e 27 anos polo crime Ana Enjamio

Publicado o 17/12/2019 13:50

A acusación particular, exercida pola familia de Ana Enjamio, e a popular, pola Xunta, reduciron as súas peticións de penas a 32 e 27 anos, respectivamente, para o único acusado polo crime da enxeñeira morta a coiteladas tras volver da cea de empresa de Nadal en decembro de 2016.

A fiscalía elevou a definitivas as súas conclusións sen modificar os feitos, os delitos imputados a César Adrio, asasinato con agravantes de aleivosía e  ensañamiento, e acoso, nin a pena solicitada, 27 anos de cárcere, como tampouco a defensa, que insiste en pedir a libre absolución do seu cliente.

Así pois, as partes que introduciron modificacións nos seus escritos foron a acusación particular, que rebaixou as penas e retirou dous delitos leves de furto que conlevaban unha sanción económica, e a particular, que se adheriu plenamente ás conclusións da fiscalía.

A avogada da Xunta explicou que o delito de violación da intimidade circunscríbeo no de acoso a teor da proba practicada na vista oral.

Na quinta sesión do xuízo polo crime de Ana Enjamio, que acolle a sección quinta da Audiencia de Pontevedra, declarou unha perito da unidade de criminalística da Policía Nacional, quen detallou os cortes que presentaban as pezas que vestía a vítima cando foi acoitelada no portal da súa vivenda.

Indicou que o abrigo presentaba dous cortes no puño da manga esquerda; o vestido, 24 cortes na zona superior esquerda, xunto ao escote, e un na zona dereita; e o suxeitador, diversos cortes que eran máis visibles na súa zona interior.

Esta perito explicou que a arma branca tiña un só fío, unha anchura aproximada de 2 centímetros e unha lonxitude mínima de 11 centímetros, dedución extraída dos cortes  rectilíneos, xa que outros tiñan forma  zigzagueante, o que atribuíu ao intento de defensa da vítima.

Preguntada polo avogado da defensa, sinalou que non pode deducir se o atacante era unha persoa destra, pero si que os cortes estaban moi próximos os uns dos outros e realizáronse de forma repetitiva, nun curto intervalo de tempo.

O xuízo polo crime de Ana Enjamio vivirá mañá a súa última xornada coa lectura das conclusións das partes, fiscalía, acusacións, particular e popular, e defensa, e a quenda de última palabra do acusado, se o quere utilizar.

A partir da tarde está previsto que o tribunal lle entregue o obxecto de veredicto ao xurado, composto por cinco homes e catro mulleres, quen permanecerá illados mentres dure a súa deliberación, para o que teñen en principio dous días completos.