CRTVG

Buscar

A familia de Rosario Porto pide o traslado dos seus restos a Santiago

Publicado o 23/11/2020 14:49

Rosario Porto apareceu aforcada na sua cela na prisión de Brieva o mércores pasado. O protocolo obriga nestes casos a abrir dilixencias xudiciais.

A autopsia, que se practicou no Instituto Anatómico Forense de Ávila, e tamén o informe do Instituto Nacional de Toxicoloxía, onde se enviaron as mostras biolóxicas, servirán para determinar se existen ou non indicios de criminalidade.

En principio, todo apunta a que Rosario Porto se suicidou, transcorridos sete dos 18 anos de condena polo asasinato da súa filla, Asunta Basterra Porto.

Antes de chegar a Brieva, Rosario Porto estivo no cárcere da Lama, en Pontevedra, e na prisión de Teixeiro, na Coruña. Nestes centros aplicóuselle o protocolo antisuicidio ata en seis ocasións. Intentara quitarse a vida xa dúas veces antes de conseguilo finalmente o pasado día 18.

Só unha vez se peche a investigación xudicial, será cando poida autorizarse o traslado do corpo de Rosario Porto. Fontes da familia confirmaron que dúas persoas, en representación de todos os curmáns da falecida, solicitaron xa facerse cargo dos restos mortais.

O destino final sería o cemiterio de Boisaca, en Santiago, onde descansan os restos doutros familiares.

O avogado de Rosario Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, asegura que non está ao tanto desta petición. Recoñece tamén que non ten constancia de se a súa clienta deixou testamento ou un documento de últimas vontades.

Alfonso Basterra, exparella da falecida e condenado tamén polo asasinato da súa filla adoptiva, segue a cumprir condena no cárcere de Teixeiro, onde se lle aplicou o protocolo de prevención de suicidios tras coñecerse a morte de Rosario Porto.

Noticias web

23/11/2020