CRTVG

Buscar

A familia de Diego Bello convoca unha nova marcha

Publicado o 03/07/2020 12:30

A familia de Diego Bello, o mozo coruñés abatido a tiros pola policía en Filipinas, volve reivindicar á xustiza españolas que demande por asasinato os axentes que lle dispararon. Unha manifestación na Coruña pedirá esta tarde que o Goberno interveña no asunto. 

Diego Bello, de 32 anos, traballaba en negocios relacionados co surf e o turismo nunha illa filipina. En xaneiro pasado foi abatido a tiros na súa casa nunha suposta operación policial contra o narcotráfico. Os axentes aseguran que era traficante e que lle dispararon en defensa propia. A familia afirma que foi un asasinato.

"O informe interno da policía filipina, que vai dicir, que Diego sacou unha pistola e que actuaron en defensa propia. Pera a autopsia di que non hai ningún resto de pólvora e que nos últimos seis meses non tomara ningunha substancia estupefaciente".

"Non hai ningunha proba de que Diego fose narcotraficante, pero eles din que estaba todo correcto. Hai que perseguilos. Se hai probas, que as ensinen, e se non que deteñan os policías que o mataron", di Francisco Lafuente, tío de Diego Bello e voceiro da familia.

A familia lembra que Diego non é o único morto a mans da policía filipina e pídelle ao Goberno central que tome medidas para protexer outros empresarios españois instalados no país asiático.
 
"Que o Goberno español entenda que se non toma este tema en serio segue habendo moitos empresarios españois nas Filipinas. Igual a policía entende que ten mans libres para facer o mesmo que fixo con Diego". "A ONU, a Comisión Europea e Amnistía Internacional levan denunciados máis de 25.000 asasinatos extraxudiciais da policía filipina desde que entrou a gobernar o señor Duterte nas Filipinas", engade o tío.

Lamentan que a Audiencia Nacional rexeitara presentar unha denuncia contra a policía filipina.

"Desestimou presentar a demanda por homicidio porque alega que non ten competencias para xulgar asasinatos de españois no estranxeiro. Vaise reclamar, recorrer esta decisión, porque entendemos que si é unha materia da que se pode encargar un xuíz español", explica Lafuente.

Cando se van cumplir seis meses da morte de Diego, familiares e amigos convocaron para hoxe pola tarde unha nova marcha na Coruña para dar voz a estas reivindicacións.

Noticias web

03/07/2020