CRTVG

Buscar

A familia de Diego Bello confía en que esta semana poidan repatriar o seu corpo

Publicado o 22/01/2020 13:14

O corpo de Diego Bello podería chegar a España, dende as Filipinas, esta semana.

Bruno Bello, irmán de Diego Bello, explica que a familia mantivo reunións co cónsul, co presidente da Xunta e co delegado do Goberno, e que este último lles confirmou que o Goberno está axilizando os trámites para o traslado do cadáver a España. 

O Goberno tamén lles confirmou que está recabando información para esclarecer a morte do coruñés a mans da policía filipina. Os axentes do país asiático manteñen que Diego foi abatido nunha operación contra o tráfico de drogas. Pero tanto a familia como os amigos do mozo rexeitan a súa vinculación cos estupefacientes e as armas.

"El sempre estaba localizable e traballando. Andaba pola illa en traxe de baño e camiseta, non era un narcotraficante. Ademais, non rexistraron a súa casa nin os seus negocios", relata Bruno Bello.

"Falamos co seu socio e coa súa moza, e saben o que pasou, hai testemuñas, cando estean aquí poderán aclarar o que pasou".

E para iso tamén contan coa colaboración da Comisión de Dereitos Humanos das Filipinas, que investiga os feitos e participou na autopsia.

Outras organizacións como Amnistía Internacional tamén denunciaron o caso e aseguran que investigarán as circunstancias da morte de Diego Bello.

Noticias web

22/01/2020