CRTVG

Buscar

A exhumación chega tras un ano de liortas xudiciais e reproches políticos

Publicado o 24/10/2019 10:12

A exhumación dos restos do ditador chega un ano e medio despois de ser anunciada polo presidente Sánchez e tras máis de doce meses de procesos e recursos xudiciais interpostos pola familia Franco. Doce longos meses en que o Goberno tentou solucionar no Vaticano as reticencias do prior do Val dos Caídos e mesmo tivo que apelar a un informe de seguridade para evitar a opción da catedral da Almudena. 

O proceso que conduce ao acto de exhumación dos restos de Franco, soterrado no Val dos Caídos desde a súa morte en 1975, enraíza na Lei da memoria histórica de José Luís Rodríguez Zapatero.

Dez anos máis tarde, a iniciativa do grupo socialista, e coas abstencións de PP e Esquerra, o Congreso aprobou unha modificación desa lei para que, como aconsellou a Comisión de Expertos, se sacase a Franco dun lugar destinado a lembrar as vítimas da guerra.

Dous anos despois, na súa primeira entrevista como presidente do Goberno, Sánchez anunciou a súa intención de pasar do papel aos feitos. E mentres a familia Franco expresa nos medios a súa oposición frontal, o Goberno comeza a traballar nunha exhumación que daquela anunciou como inminente.

"A decisión política deste Goberno é firme. Imos proceder á ehxumación dos restos do ditador Franco do Val dos Caídos. Será, señorías, en moi breve espacio de tempo", dixo o presidente do Goberno.

A noticia foi recibida de xeito desigual.

Rafael Hernando, do Partido Popular, pediulle a Sánchez "que non recupere a España do desquite que deixamos atrás coa transición".

En Unidas Podemos piden que o Goberno vaia máis lonxe e "que se xulguen todos os criminais franquistas, que aínda non se xulgaron no resto do país".

Albert Rivera, de Ciudadanos, declarou: "Creo que chehou o momento de falar de futuro, pero hoxe escoitamnos falar moito do pasado, moita ideoloxía e moito sectarismo".

O Consello de Ministros segue adiante co decreto para dar cobertura xurídica ao acto, publicado no BOE en agosto de 2018. E os Franco responden acusando o Goberno de prevaricación e profanación de sepultura ante o Defensor do Pobo.

No rexistro de alegacións fan constar que, de sacalo, queren enterrar o seu familiar na cripta da catedral da Almudena. Primeiro escollo para un executivo que promove diversas reunións co Vaticano,  "para que os restos de Franco estean nun lugar en condicións de dignidade pero non nun lugar onde poidan ser obxecto de algún tipo de homenaxe", afirmou a Vicepresidente Carmen Calvo.

Os Franco recorren ao Supremo, que paraliza cautelarmente a exhumación. O Goberno responde cun informe da súa delegación en Madrid sobre os problemas de seguridade que orixinaría a inhumación nunha basílica do centro de Madrid. Os Franco tentan case unha decena de demandas en xulgados ordinarios e conseguen que prospere a presentada ante o xuíz Yusti, público retractor da Lei de memoria, que ordena paralizar a licenza de obra.

Tamén o prior do Val dos Caídos advirte o Goberno de que non permitirá o acceso ao recinto. Mentres o Supremo delibera, o Goberno prepara a sepultura no cemiterio de Mingorrubio, no Pardo, onde está enterrada a muller do ditador.

A noticia do aval definitivo do Supremo aos plans do Goberno colle o presidente en Estados Unidos e o tema coouse na súa comparencia na sede da ONU.

Durante o proceso que remata con esa resolución do 24 de setembro, Cuelgamuros recibiu a constante visita de curiosos, tamén de franquistas. Nas rúas das cidades houbo tamén manitestación de cidadáns partidarios de sacar o ditador.

En plena refrega de precampaña, a exhumación chega tres xeracións despois de restauración da democracia.

Noticias web

24/10/2019