CRTVG

Buscar

O Chicle pediulles aos seus familiares que mentisen para ter coartada

Publicado o 13/11/2019 13:15

• A ex-muller do acusado: "Evidentemente, creo que si foi el"

• O Chicle, a un amigo sobre a desaparición de Diana Quer: "A esa non a van atopar nunca máis. Marchou de España" 

Unha muller relata un intento de rapto: "Ven, que o imos pasar ben"

• Valeria Quer di que súa irmá lle dá a forza para estar no xulgado

 

Comeza a segunda xornada do xuízo polo crime de Diana Quer. Onte declararon José Enrique Abuín e os pais de Diana Quer e hoxe comparece a ex-muller e os ex-cuñados de Abuín, que lle deron coartada nun primeiro momento: Elena Rodríguez e Adrián Castro Agudín. 

• 9.30

A irmá de Diana Quer, Valeria, desprazouse este mércores ata os xulgados de Santiago. Ás portas do edificio xudicial, en compañía do seu pai, Juan Carlos Quer, e da presidenta da Asociación Clara Campoamor, Blanca Estrella Ruiz, a moza dixo que afronta esta vista "coa cabeza alta", e asegurou que a "forza" para presentarse lla dá súa "irmá". 

•10:00

Comeza o xuízo. María Jesús Abuín Gey, irmá do Chicle, négase a declarar.

Elena Rodríguez, irmá da ex-muller do Chicle, accede a responder as preguntas da fiscal e confesa que non sabe que ocorreu aquela noite.

"Pediunos que mentísemos e que dixésemos que Rosario ía con el. Caíanlle as lágrimas. Dixo que el non fixera nada, que o acusaban porque tiña antecedentes".

•10:18

Intervén agora Adrián Castro Agudín, ex-cuñado de José Enrique Abuín. Recoñece que o Chicle lles pediu unha coartada. A fiscal pregúntalle se Abuín o ameazou e el responde que "por este tema non" pero que "tiña medo ás represalias ou a que se puxese violento". Asegura tamén: "Amenazábame para que non dixese calquera cousa porque me rompía as pernas,pero despois non me facía nada. Non e cría capaz de facer iso".

•10:31

Declara Rosario Rodríguez, ex-muller do acusado. "Dixen que saíra con el roubar gasóleo. Mentín. Xa anteriormente cando viñeran á casa para ver que fixera esa noite el pedírame que dixese que estivera con el esa noite, porque o querían culpar de algo que non fixera". 

"Desde o primeiro momento esixinlle a verdade. Levaba un ano preguntándolle seguido se tiña algo que ver, pero el dicía que nunca a vira diante".

Confirmou que inicialmente creu a versión do acusado, pero agora xa non. "Evidentemente, creo que si foi el", engadiu.  

 

• 11.15

Vanessa Rodríguez, a ex-cuñada do Chicle, reafirmouse en que o acusado polo crime de Diana Quer a agrediu sexualmente e mesmo a ameazou con posterioridade, cando ela aínda era menor de idade, con apenas 17 anos: "Intentas seguir adiante, pero é algo que nunca se esquece". Recoñeceu que tiña "medo" e que o acusado chegou a ameazala durante e con posterioridade á agresión sexual denunciadao. A defensa do acusado di que a denucia é falsa, o que provoca un tirapuxa co tribunal. 

• 11.35

Manuel, amigo do Chicle, conta que ían a discotecas, clubs de alterne e mesmo colexios para buscar mulleres. Di que lle gustaban de 20 anos, altas e morenas.

Manuel acompañou ao Chicle meses antes da desaparición de Diana -no inverno de 2015/2016, segundo dixo- á nave de Asados de Rianxo, onde en agosto de 2016 o suposto asasino da moza arroxou o seu corpo nun pozo e onde permaneceu case 500 días ata o seu achado. Ambos foron á nave para coller mobles forzando a entrada, como onte dixo no xuízo o Chicle.

Aínda que o acusado indicou na súa declaración que antes de botar o corpo non sabía se había auga no pozo, o seu amigo manifestou no xuízo que, precisamente, abriron a tapa de formigón dese buraco e si comprobaron que tiña auga. A tapa era moi pesada, engadiu a testemuña. Tanto, que Manuel S. G. considerou que son necesarias dúas persoas para levantala.

Á pregunta de se o Chicle lle comentou algo sobre a desapacición de Diana Quer, Manuel Somoza responde que "el dicía que non a ían atopar nunca máis, que marchara de España".

• 11.55 

Dúas irmás contan como o Chicle se ofreceu insistentemente a levalas á casa no seu coche, malia que elas non querían. Foi o 23 de decembro en Boiro, días antes de ser detido. Pasou catro veces polo bar onde estaban. Descríbeno como "moi pesado". Despois recoñecérono na televisión cando foi detido.

• Outra muller conta como O Chicle intentou que fose con el: "Ven, que o imos pasar ben". A testemuña di que dende entón pasa medo cando o ve na televisión. Asegura que agora toma moitas precaucións cando sae á rúa. 

• 12.27

Remata a segunda sesión. O xuízo continúa este xoves ás 9.30.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí