CRTVG

Buscar

A Escola Aeronáutica ourensá idea un sistema para a ventilación eficiente das aulas

Publicado o 01/03/2021 21:06

Nesta volta presencial ás clases os alumnos de Enxeñería Aeronáutica do campus de Ourense, contan cun novo aliado na loita contra a COVID−19. Este pequeno dispositivo serve para dar co nivel axeitado de ventilación nas aulas.

"Desta maneira garante uns niveis de ventilación axeitados abrindo o menos posible. Por exemplo, se a temperatura fóra é moi baixa, pois é incómodo ventilar porque baixa moito a temperatura." Comenta Humberto Michinel, Director da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

Funciona con sensores de CO2 conectados a algo semellante a unha rede wifi que permite procesar os datos de cada aula en tempo real e consultalos mesmo nun dispositivo móbil.

"O sensor tamén dá información doutras variables como a temperatura, a humidade relativa, o número de persoas que hai no cuarto, de maneira que todos eses datos poden relacionarse entre sí e levarse a un modelo de ordenador que prediga se existe unha situación de risco".

Os sensores están colocados polo de agora en distintos edificios, aulas, despachos e laboratorios do campus. Os datos recollidos servirán para ampliar o proxecto e conseguir levar o confort térmico cada vez a máis zonas e durante calquera época do ano.

Noticias web

01/03/2021