CRTVG

Buscar

A enquisa da TVG adiantará as corporacións das sete cidades galegas

Publicado o 25/05/2019 23:45

Cando pechen os colexios electorais, aquí na Televisión de Galicia teremos resultados dunha enquisa a pé de urna elaborada para esta casa nas sete cidades galegas. Durante toda a xornada faranse máis de 9.000 enquisas que permitirán adiantar a composición das novas corporacións municipais, e os candidatos que se poden facer co bastón de mando dos concellos.

A primeira aproximación aos resultados das eleccións municipais estará na Televisión de Galicia. Durante as votacións a empresa demoscópica GFK realizará máis 9.400 enquisas en 79 colexios electorais das sete cidades galegas. Enquisa a pé de urna realizada con dispositivos móbiles que transmiten as respostas en tempo real. E como o voto, tamén esta resposta é secreta.

A Televisión de Galicia será a primeira en adiantar a que pode ser a nova corporación local da Coruña, o futuro goberno de Ferrol, ou a repartición de concelleiros en Santiago de Compostela. A enquisa tamén desvelará o novo pleno municipal de Lugo, como quedará o concello de Ourense, e que representación terá cada partido en Vigo. Pontevedra completa a enquisa municipal que esta casa ofrecerá este domingo a partir das oito do serán.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/05/2019