CRTVG

Buscar

A DXT intensifica nestes días os controis de alcol e drogas

Publicado o 08/12/2020 08:23
A DXT intensifica nestes días os controis de alcol e drogas

A DXT intensifica esta semana os controis de alcol e drogas. Ademais de detectar e sancionar aos condutores que circulen baixo os efectos destas substancias, a campaña ten por obxectivo concienciar xa que se detectou unha repunta do 50 % nos positivos de probas preventivas de drogas, fronte ao 35 por cento dos detectados no mesmo período do ano anterior.

Uns datos que tamén aumentaron no caso das probas realizadas tras producirse un accidente, cando a proporción dos condutores que deron positivo nos controis de drogas pasaron do 19 por cento en 2019 ao 23 por cento no últimos tres meses, explica a DXT nun comunicado.

Esta campaña especial de vixilancia irá desde este luns 7 de decembro ata o domingo 13 de decembro, na que se intensificarán os controis sobre este factor de risco que non só incrementa a taxa de incidencia de accidentes, senón tamén a gravidade dos mesmos.

A DXT explicou que este Nadal continuará apostando pola concienciación e vixilancia deste risco a pesar de que este ano a maioría das comida e ceas do Nadal non se celebrarán debido ás restricións pola covid-19.

E lembra que o alcol foi a segunda causa dos accidentes mortais que se produciron o ano pasado (24%), só por detrás da distracción. En total, máis dun de cada tres condutores falecidos consumira alcol ou outras drogas.

 

Noticias web

08/12/2020