CRTVG

Buscar

A DXT comeza unha campaña especial de control do estado dos vehículos

Publicado o 20/01/2020 17:05

Tráfico comeza hoxe unha campaña para controlar os vehículos máis vellos. Segundo os seus datos, en seis de cada dez accidentes estiveron implicados vehículos de máis de 10 anos. Principalmente, comprobarán os pneumáticos, as luces e a documentación.

Aproximadamente un 5% dos vehículos circula con defectos graves nas rodas, como levar unha profundidade por baixo do mínimo legal de 1,6  milímetros. Tamén é importante que a iluminación sexa correcta. As lámpadas perden intensidade e deben cambiarse cada 40.000 quilómetros ou aos dous anos e de dúas en dúas. Tamén hai que ter ben as placas de matrícula porque levalas ilexibles supón unha infracción grave. 

Ata o vindeiro domingo, 26 de xaneiro, os axentes dá Garda Civil de Tráfico intensificarán os controis para comprobar as condicións técnicas dos coches, prestando especial atención ao mantemento dos elementos de seguridade como son os pneumáticos, as luces ou o parabrisas. No 60 por cento dos accidentes están implicados vehículos de dez anos ou máis.

A DXT di que a antigüidade dos automóbiles é como un factor de risco á hora de verse involucrados en accidentes de tráfico. Só no 17 por cento dos sinistros en Galicia houbo implicados vehículos de menos de catro anos. Ademais, o risco de falecer ou quedar ferido grave multiplícase por dous ao comparar os accidentes ocorridos con vehículos de 10 a 15 anos de antigüidade, en relación con acontecidos con coches de menos de cinco anos.

En novembro de 2019 foi a última campaña deste tipo que se fixo. Tráfico controlou case dez mil vehículos en Galicia e impuxeron 188 denuncias, das que 118, é dicir, o 62,8 por cento, foron irregularidades coa ITV.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/01/2020