CRTVG

Buscar

A disposición xudicial tres dos detidos na operación Arco contra o branqueo de cartos

Publicado o 09/05/2019 12:05

Esta mañá pasaron a disposición xudicial na Audiencia Nacional en Madrid os detidos na operación contra a suposta trama de branqueo de cartos relacionada co Parido, coñecido narcotraficante do Salnés, actualmente en prisión.

Na operación, denominada Arco, foron detidas outras 4 persoas en Galicia que quedaron en liberdade tras declarar en Pontevedra. O operativo desenvolveuse en 7 localidades galegas, en Madrid e Portugal e incautáronse de patrimonio valorado en 3 millóns de euros, documentación e dúas armas.

O caso lévao o Xulgado de Instrución nº6 da Audiencia Nacional, que decretou o segredo de sumario. Investiga unha suposta rede de branqueo de cartos procedentes do narcotráfico no círculo de Juan Carlos Fernández, o Parido, actualmente en prisión.

A súa muller, a ex-muller e o fillo están entre os 10 detidos o martes. Onte á tarde foron trasladados desde a comisaría de Policía de Pontevedra a Madrid e esta mañá comezaron a prestar declaración na Audiencia Nacional.

Os axentes rexistaron o martes, simultaneamente, 13 inmobles en Madrid, Lugo, diversas localidades de Pontevedra e en Portugal. Entre o patrimonio incautado á rede figura o chalé do Parido en Ribadumia, unha propiedade de cabalos na Cañiza e un centro comercial en Valença do Miño. Neses rexistros ademais de documentación, os axentes da UDEF e os GRECO comisaron dúas armas.

A operación supón un importante golpe á trama financeira do Parido, que cumpre condena na prisión de Topas, en Salamanca. Caeu durante a operación Tabaiba que frustrou unha descarga de case 4 toneladas de cocaína na Costa da Morte en 2009. O Parido xestionaba a maior rede de lancheiros de Galicia. Máis tarde tamén foi condenado por branqueo, xunto cos seus pais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/05/2019