CRTVG

Buscar

A directora da Axencia Española de Medicamentos asegura que o luns chegarán novas existencias de remdesivir

Publicado o 23/08/2020 15:00

• Escoita aquí a entrevista íntegra 

A Axencia Española do Medicamento anunciaba o venres que as existencias do antiviral remdesivir estaban a piques de se esgotar despois do aumento de casos nas últimas semanas. Isto requiriu botar man dos sobrantes de ensaios clínicos dos hospitais ata que chegue un novo envío este luns. A Directora da Axencia Española de Medicamentos, María Jesús Lamas, adiantaba na Radio Galega, cal é a situación actual.

Segundo explicou Lamas, a xestión do redemsivir para toda Europa é cousa da Comisión para evitar manobras de acaparamento. Este antiviral foi autorizado recentemente e non se comercaliza aínda. O luns prevese a chegada dunha partida, aínda que dende Bruxelas non aclararan a cantidade no momento da conversa. 

"Nestes momentos quedan doses dos ensaios clínicos que se fixeron durante os meses de febreiro ata xuño. Son os que se están a utilizar e os que se estiveron distribuíndo entre os hospitais que os precisaron ata esta fin de semana. Onte á noite comunicounos a Comisión Europea que chegará mañá o seguinte envío. É importante saber que a medicación que está dispoñible para toda Europa está sendo xestionada pola Comisión Europea. A distribución faise en función dos datos epidemiolóxicos dos países para que o acceso sexa equitativo e ningún país poida facer manobras de acaparamento", asegurou a directora da Axencia Española de Medicamentos, María Jesús Lamas.

Lamas lembra que ao ser un fármaco aínda sen comercializar, España non pode facer acumulación.  A directora da Axencia rexeita que haxa escaseza doutros medicamentos porque non teñen a singularidade do redemsivir.

A directora da Axencia Española do Medicamento admitiu preocupación pola evolución da pandemia nestas últimas semanas e apelou á coordinación entre administracións e á concienciación social para controlar a situación.  

 

 

Noticias web

23/08/2020