CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero apoia os cambios de Ferraz nas listas electorais fronte ás críticas

Publicado o 18/03/2019 21:09

O líder dos socialistas galegos non quixo pronunciarse sobre o futuro dos aspirantes ás alcadías de Ferrol ou A Coruña, prexudicados polos cambios introducidos por Ferraz nas listas electorais. Gonzalo Caballero si motrou o seu respecto pola decisión de quen ía ser o candidato á alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero. Barquero renunciou a liderar a lista e dimitiu como concelleiro alegando motivos pesoais tras os cambios nas candidaturas. O seu home de confianza, García Tejerina seguiu os seus pasos.

José Ángel Vázquez Barquero, PSdeG-Ourense: "Quero facer fincapé en que non deixo a política e moito menos o partido socialista, vale, por que pois por unha razón moi sinxela porque a miña decisión é unha decisión tomada en clave persoal e que ninguén vexa outro tipo de connotacións cando non existen".

En Lugo, Sonsoles López quedou relegada en favor de Ana Prieto, apoiada pola dirección galega. 

Sonsoles López, candidata do PSdeG-Lugo: "A militancia de Lugo falou, falou alto e claro e, en fin, os órganos competentes na materia, que por suposto acatamos, tomaron outras decisións e serán eles os que terán que dar as explicacións oportunas".

O líder dos socialistas galegos cre que estas tensións na elaboración das listas son habituais pero que non lle van afectar a un partido que, segundo dixo, ten moito banco e non está na batalla dos cargos.

Gonzalo Caballero, secretario xeral dos PSdeG: "E se a miña batalla non é a batalla por estar nos cargos ou ter determinadas posicións institucionais, senón da causa colectiva, creo que todo o mundo debera entender que a causa colectiva está por riba de calquera tipo de cuestión individual".

Caballero destacou o feito de que catro mulleres encabecen as listas ao Congreso nas catro provincias galegas.

Para o que fora secretario xeral dos socialistas galegos e agora fundador do partido Espazo Común, as listas aprobadas por Ferraz son un axuste de contas cos críticos e unha burla aos militantes socialistas. Pachi Vázquez asegura que o único mérito dos elixidos é que son amigos de Pedro Sánchez e de Gonzalo Caballero.

Pachi Vázquez, Fundador de Espazo Común: "Estas son as listas dos amigos de Pedro Sánchez e de Gonzalo Caballero. Pero, ademais, salta polo aire o mito, non que é que es tes, cada vez que falan tanto Pedro como Gonzalo se lle enchía a boca da palabra militancia non, non, é dificil lembrar unha burla máis grande aos militantes galegos e os militantes e os militantes de toda España como a que acaban de facer Pedro e Gonzalo Caballero".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/03/2019