CRTVG

Buscar

Que podemos facer ante fallos coa liña telefónica e Internet?

Publicado o 04/02/2020 14:14

En moitas ocasións, debido ao mal mantemento e conservación das liñas usuarios do rural adoitan sufrir problemas coas liñas telefónicas ou co Internet. Telefónica adoita non gastar en mantemento ou demorar os arranxos. Ante isto desde a Unión de Consumidores de Galicia informan de que non hai que conformarse coa compensación que a operadora fai na factura, porque estamos a falar do noso dereito á prestación dun servizo básico universal.

Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia: "Podémolo facer valer a través dunha xunta arbitral de consumo ou ben ante os tribunais de xustiza porque non son anecdóticos estes casos. Xa empeza a haber máis resolucións deste tipo en que os consumidores poñen de manifesto que sofren un prexuízo...".

Isto implica pasar á acción, co que aumentan as posibilidades de que o problema sexa solucionado pronto e, ao mellor, non se volva repetir.

Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia: "Segundo cal sexa o importe que pretendamos reclamar, lembremos que ata 2.000 euros podemos presentar a reclamación no xulgado sen necesidade de avogado nin de procurador. Lembrémolo, porque é importante e moitas veces as reclamacións como consumidores non chegan a eses importes".

Residentes e comerciantes da zona vella compostelá tamén sofren a miúdo problemas no servizo telefónico e de datos, ás veces ata de semanas de interrupción.

Jorge Riande, xerente de tenda na zona vella de Santiago dinos hoxe que: "cada vez que me chaman polo fixo e descolgo teño que volver programar Internet, desconectar o fixo, e esa é a miña situación agora".

Antes estas situacións, as asociacións de defensa dos consumidores poden ser un punto de referencia para analizar como actuar.

Noticias web

04/02/2020