CRTVG

Buscar

A defensa do home que matou o sobriño de 3 anos en Santiago recorrerá o auto de prisión

Publicado o 28/10/2020 13:36

Foi o pasado 21 de setembro cando unha chamada alertaba o 061 do terrible suceso que acababa de producirse na rúa Loureiros, no barrio compostelán de Santa Clara.

Santiago Cepeda, de 39 anos, asfixiara supostamente o seu sobriño de 3. O presunto infanticida estivo ingresado un mes na Unidade de Psiquiatría do Hospital Provincial de Conxo e onte, tras recibir a alta, prestou declaración ante a xuíza. Tras interrogalo e en base ao informe diagnóstico do equipo que o atendeu, a maxistrada decretou o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, investigado por un delito de asasinato.

O avogado da defensa xa anunciou que vai recorrer o auto e pedir novas probas, á espera tamén do informe forense do Imelga que asegura pode ser definitivo. Confía en que determine que Santiago Cepeda é inimputable porque no momento do crime non era consciente dos seus actos e tiña as capacidades cognitivas limitadas. Atribúeo a algún problema psiquiátrico que podería ter relación coa grave enfermidade pola que foi intervido en 3 ocasións.

A defensa alega a ausencia de dolo e de móbil no crime porque Santiago tiña unha excelente relación tanto coa familia como cos pequenos e asi asegura que o ratificaron testemuñas próximas no xulgado.

Á espera de que se resolva o recurso e de que o Imelga emita o informe sobre a sua imputabilidade ou non, Santiago Cepeda pasou xa a sua primeira noite no cárcere de Teixeiro.

Noticias web

28/10/2020