CRTVG

Buscar

A defensa do asasino de Ana Enjamio pide que o absolvan

Publicado o 07/07/2020 18:14

A defensa do home condenado a 30 anos e 4 meses de prisión por matar a súa ex-parella, Ana Enjamio, en Vigo en 2016 pediu, na vista de apelación na Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a súa absolución por "defectuosa valoración procesual" e por "vulneración de dereitos fundamentais".

O avogado de César Adrio Otero dixo "non estar de acordo coa sentenza", entre outras cousas, pola información obtida dos dispositivos móbiles para establecer o que ocorreu na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016. Trátase, dixo, dun "menoscabo do dereito á defensa" e deu lugar, subliñou, a unha "situación kafkiana".

Durante a apelación, o letrado reprochou que os peritos afirmaran durante o xuízo que "boa cantidade de información" quedara sen analizar e asegurou que Adrio e Enjamio mantiñan unha relación polas conversas de ata "54 minutos" que tiveran en datas anteriores á morte dela. "Había un fluído tráfico de chamadas", engadiu. Segundo o avogado, é "verosímil" que a aparición de restos xenéticos e sangue nas pertenzas do home responda ao "contacto" entrambos.

Considera que o ADN "demostra que houbo contacto físico" a noite da morte e o sangue en que mantiveran relacións sexuais cando ela "tiña o período". O letrado tampouco considera que Adrio tivese un móbil para matala porque, dixo, ela "dubidaba" entre el e a súa ex-parella, coa que retomara a relación, pero xa optara "polo condenado". Ademais, nega que se razoe a aleivosía ou o asañamento na sentenza polo que reclama a absolución para o seu defendido.

O fiscal: "A hipótese da acusación é a única posible"

Pola súa banda, o fiscal pediu a desestimación do recurso da defensa e deu por válido o veredicto do tribunal do xurado e a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo. "A hipótese da acusación é a única posible", defendeu, rexeitando que, para a absolución de Adrio, "baste con formular outra hipótese".

O representante do Ministerio Público argumentou que a información dos dispositivos electrónicos foi obtida "coa debida autorización xudicial" e lembrou que a defensa xa presentou recursos respecto diso durante o procedemento xudicial que foron rexeitados. Con respecto ao sangue e os restos xenéticos, o fiscal razoou que non está "acreditado" que houbese contacto entre eles a noite do asasinato polo que, dixo, son "circunstancias obxectivas" en relación á morte.

Tamén avalou que houbese aleivosía e asañamento no crime tal como dispón a resolución. "A sentenza limítase a recoller os feitos que viu probados", insistiu o fiscal, que negou que as argumentacións da defensa sexan "certas".

As acusacións particular e popular compartiron, na súa quenda de intervención, o dito pola Fiscalía e o acusado, presente por videoconferencia desde o cárcere da Lama, rexeitou a súa quenda de palabra.

 

Noticias web

07/07/2020