CRTVG

Buscar

A débeda con Galicia centrará o primeiro debate do ano no Parlamento

Publicado o 27/01/2020 20:52

O BNG apelará no pleno á vía legal para recuperar os 200 milóns do IVE de 2017. A formación nacionalista vaille pedir ao presidente da Xunta que acuda aos tribunais.

"Desde o BNG proporémoslle unha vez máis que dea un paso adiante e reclame pola vía xudicial os douscentos millóns de euros do IVE".

Os socialistas galegos descartan acudir aos tribunais, apostan por resolver o problema cun novo modelo de financiamento autonómico.

"Haberá que buscar no novo modelo de financiamento das comunidades autónomas vías para consegur paliar os problemas derivados da mensualidade do IVE pendente. E, desde logo, os socialistas estamos comprometidos co financiamento das autonomías".

Desde o PPdeG din que non ten sentido postergar o pagamento da débeda ata que se aprobe un novo modelo de financiamento autonómico. O voceiro Pedro Puy invita a Gonzalo Caballero a que tome nota doutros presidentes autonómicos socialistas.

"Cando vemos todos os líderes que teñen responsabilidade de Goberno autonómico defender este pagamento e anunciar que, no caso de que non se produza, se vai recorrer como última posibilidade a instancias xudiciais... pois aquí xustificar o impago do vixente sistema facendo promesas de futuro da reforma do sistema de financiamento resulta cando menos curioso, non?".

Os populares critican ademais que o BNG lle pida agora ao presidente da Xunta que demande o Goberno central cando a formación nacionalista non incluíu o pagamento da débeda no seu acordo de investidura co Partido Socialista.

 

Noticias web

27/01/2020