CRTVG

Buscar

A Coruña, en alerta vermella no mar ao rexistrar ondas de máis de 8 metros

Publicado o 28/10/2020 21:16

As ondas entraron con forza na enseada de Riazor, onde está activado o aviso vermello por ondas de máis de 8 metros. A ondada chegou a superar a duna que actúa de barreira e obrigou a pechar varios puntos do paseo marítimo. Entre eles, a zona das Escravas.

O feito de que pola tarde a marea estivera baixando evitou que se rexistrasen incidencias salientables. Aínda así, un veciño foi identificado pola policía por bañarse no mar en plena alerta.

Na praia da Hucha, no concello de Arteixo, as ondas esnaquizaron a caseta de Protección Civil.

Na Costa da Morte, en cabo Vilán, as ondas esta tarde superaron os 9 metros de altura.

Ademais, o temporal obrigou á frota a quedar en terra. Foi o caso das embarcacións de Malpica, que buscaron porto refuxio.

Nas provincias de Pontevedra e Lugo mantense activado un aviso de menor intensidade. Aínda así, en Estaca de Bares, ao longo do día rexistraronse ondas por riba dos 10 metros.

O temporal vai a menos, pero mañá manterase o aviso por ondas superiores a 5 metros en toda a costa galega.

Noticias web

28/10/2020