CRTVG

Buscar

A Xunta aclara algunhas actividades que si se poden manter

Publicado o 16/03/2020 11:20

O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), presidido polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aprobou un acordo en que se concretan e amplían as medidas de prevención para conter o contaxio do coronavirus que entraron hoxe en vigor.

Deste xeito, blíndanse os servizos básicos ás persoas sen fogar no actual contexto de emerxencia sanitaria. Para ese efecto, a Xunta velará pola apertura de todos os albergues sociais para que as persoas sen fogar poidan dispoñer dun servizo de pernoita, extremando as precaucións na liña das recomendacións das autoridades sanitarias.

As cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de comensais a un terzo do aforo e reforzando a subministración de comida para o consumo fóra do centro.

Os centros de atención social continuada manterán a súa actividade, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de persoas usuarias a un terzo do aforo. Os centros de día de inclusión social suspenderán a súa actividade regular durante o período de emerxencia sanitaria, excepto os servizos de mantemento da hixiene -como ducha ou lavandería- e os servizos de café. As visitas aos centros residenciais de servizos sociais (como, por exemplo, residencias de persoas maiores ou con discapacidade) quedan restrinxidas excepto en casos excepcionais debidamente autorizados pola dirección do centro.

En relación coa suspensión da actividade do pequeno comercio, inclúense dentro das excepcións as actividades e establecementos correspondentes a bens de primeira necesidade: ópticas, a actividade das lonxas, comercio  minorista de ferraxería, pintura e vidro en establecementos especializados, en tanto que se trata de actividades que deben fornecer ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola para que poidan continuar a súa actividade.

O documento precisa que todos os establecementos comerciais de primeira necesidade terán liberdade horaria.

Por outra banda, suspéndese tamén a actividade económica dos concesionarios de venda de automóbiles, aínda que os establecementos que combinen reparación con venda de vehículos, soamente poderán realizar a actividade de reparación.

Igualmente, suspéndense as actividades económicas correspondentes a academias, autoescolas e barberías, con excepción da prestación a domicilio, destas últimas, para garantir o servizo. E poderá seguir realizándose o labor dos gabinetes de psicoloxía e pedagoxía.

Ante as consultas formuladas, o texto aclara tamén que poden permanecer abertas, por exemplo: actividades sanitarias e de servizos sociais -entre elas, actividades hospitalarias, médicas e odontolóxicas, asistencia en establecementos residenciais-; actividades financeiras e de seguros; actividades profesionais, científicas e técnicas; e actividades administrativas e servizos auxiliares.
Tamén haberá asistencia en establecementos residenciais con coidados sanitarios; actividades de servizos sociais sen aloxamento; reparación de computadores, efectos persoais e artigos de uso doméstico; lavado e limpeza de pezas téxtiles e de pel; pompas fúnebres e actividades relacionadas; fisioterapeutas; e técnicos de reparación e mantemento.

Aos establecementos comerciais exceptuados da suspensión requíreselles que adopten as medidas de organización e instrucións á cidadanía necesarias para o cumprimento das medidas de prevención establecidas.

Reforzaranse as medidas preventivas no centro de traballo sobre a hixiene individual e colectiva, limpeza e medidas de contacto próximo sen prexuízo das medidas específicas que requira cada situación e o reforzo da protección das persoas identificadas como especialmente sensibles.

Sobre a permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida, deberá ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade, quedando suspendida a posibilidade de consumo de produtos nos propios establecementos.

En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade de, polo menos, un metro a fin de evitar posibles contaxios. Os encargados dos establecementos e o persoal de seguridade serán os directamente responsables de facer cumprir estas medidas.

No ámbito do servizo público de emprego de Galicia, e en coordinación co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), adóptanse as seguintes medidas: non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril. Se se teñen que realizar trámites urxentes na demanda, poderán facerse a través da oficina virtual ou chamando á correspondente oficina de emprego e quedan suspendidas as citas.

En relación co Camiño de Santiago, e como consecuencia do peche de albergues da rede pública, actívase un servizo de acollida provisional no albergue público do Monte  do Gozo, en Santiago, para os peregrinos que se atopen en tránsito e mentres non dispoñan doutros medios de regreso ou aloxamento. 

Por último, non estarán permitidas as actividades de uso público no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, tales como o desembarque e as actividades recreativas nas illas.
Quedan exentos os veciños das illas e a pesca ou marisqueo profesional, así como o persoal do parque nacional no desempeño da súa función.

Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos, quedando sen efecto as autorizacións e comunicacións das xa notificadas ou efectuadas. E tamén estarán permitidos os servizos que ofrecen os veterinarios, tanto das empresas privadas como dos servizos oficiais.