CRTVG

Buscar

A contaminación está entre as tres primeiras causas polas que un coche non pasa a ITV

Publicado o 27/03/2019 20:31

Por primeira vez, a contaminación está entre as tres primeiras causas polas que un coche non pasa a ITV en Galicia. A emisión de gases contaminantes é un problema non só para os donos de vehículos antigos. Tamén para os que teñen modelos novos cun sistema electrónico de medición de gases.

Cada ano pasan a ITV en Galicia millón e medio de vehículos. Case un terzo deles non aproban a inspección á primeira. A principal causa son erros nas luces. O segundo motivo, o mal estado dos neumáticos. E por primeira vez, a terceira causa de rexeitamento son as emisións contaminantes. A razón deste aumento está en que a ITV pasou de facer unha soa proba de emisións a facer dúas probas. Unha mide a emisión de gases directamente no tubo de escape. A nova controla ademais o ordenador do coche.

Carmen Fernández, voceira de SYC Applus+: "Incorporouse unha proba adicional que fai unha revisión do sistema de emisións contaminantes dos vehículos que teñen un sistema máis avanzado que o que fai é facer a comprobación no ordenador do vehículo do sistema electrónico para evitar fraudes, manipulacións que antes non eramos capaces de detectar".

Nas ITV recomendan pasar por un taller antes de facer a inspección para evitar sorpresas. E se está pensando en cambiar de coche, saiba que os vehículos eléctricos son os únicos que non emiten gases á atmosfera e que, polo tanto, non teñen que pasar estas probas anticontaminación.

Noticias web

27/03/2019