CRTVG

Buscar

A bacía do Miño segue en aviso amarelo e supéranse os 30 graos en moitos puntos de Galicia

Publicado o 28/05/2020 14:31

Por segundo día consecutivo temos aviso amarelo por altas temperaturas en toda a conca do río Miño e valores que superan os 35 en moitos puntos da metade sur de Galicia.

Nova xornada abafante na metade sur de Galicia que xa amenceu con moita calor porque as temperaturas pouco baixaron noutra noite tropical. En Vigo, por exemplo, os termómetros quedaron nos 22 graos.

Por segundo día consecutivo os concellos da conca do Miño estan en aviso amarelo por altas temperaturas, que na zona de Pontevedra superarán os 34 graos e en Ourense poden acadar máis de 36.

E con esta calor, a peor parte lévana os que traballan. Porén, os que dispoñen da xornada poden buscar as sombras, o fresquiño dos ríos ou a brisa do mar, que ademais rexistra nas Rías Baixas unha temperatura ideal.

Así, non queda outra que levar o mellor posible esta calor, inaguantable para uns e aplaudida por outros. Iso si, sabendo que o venres as temperaturas non serán tan asfixiantes, aínda que se mantén o anticiclón de cara á fin de semana.

E se no sur superan os 35 graos, no norte seguen hoxe por riba dos 30, algo que tampouco é precisamente o esperable, e moito menos cando aínda estamos en maio.

O sol brilla e quenta con forza. A Galicia norte tamén abafa cunha calor máis propia dos mellores días do verán ca de finais de maio. As temperaturas escalan por riba dos trinta graos en cidades coma Ferrol ou Lugo. As terrazas recuperan folgos tras dous meses de peche forzoso e a cidadanía sae á rúa animada pero tamén cautelosa.

Contéñense algo máis as máximas na Coruña, onde se aproximan aos trinta, pero as imaxes das praias non deixan lugar a dúbidas. A cidade herculina rexistra unha mínima das máis altas. Os termómetros non baixarán en ningún momento dos vinte graos nesta xornada. Días de sol e calor que convidan á praia sempre cos coidados que require a situación, que non todos teñen en conta.

En resumo, un auténtico verán adiantado en plena primavera.

 

Noticias web

28/05/2020