CRTVG

Buscar

A Comisión Europea rexeita a obriga de indicar nas etiquetas os países de orixe do mel

Publicado o 21/11/2019 14:09

O proxecto do Ministerio de Agricultura sobre a calidade do mel, que foi rexeitado pola Comisión Europea, obrigaba a identificar no produto envasado os países de orixe, incluída a porcentaxe procedente de cada un deles. O ditame negativo do executivo comunitario supón que non vai haber cambios na súa etiquetaxe, polo que se poderá seguir denominando, dado o caso, como mestura de meles procedentes da Unión Europea e de fóra da Unión, sen especificar en que proporción.

Marcos Varela, apicultor: "É un retroceso. Nós entendemos que o consumidor ten que ter a etiqueta do mel coma unha ventá aberta, e isto supón seguir cunha persiana baixada que non deixa ver o que hai dentro. Ao final, o consumidor non sabe a ciencia certa de onde procede o mel. Só sabe se é de países da Unión Europea ou se é alleo, pero sen saber os países de procedencia".

Á espera de que se presente un novo proxecto, os apicultores galegos lembran que existen dúas formas de garantir que o produto sexa do país. Pódese adquirir coa etiquetaxe da IXP Mel de Galicia ou mercalo directamente na vintena de feiras que se celebran por toda a xeografía galega.

Marcos Varela, apicultor: "O mel de proximidade é o mel galego. Aquí temos unha indicación xeográfica protexida, Mel de Galicia. Se figura, daquela é un mel producido en Galicia. E sen ir a esa etiqueta, hai moitos mercados locais, de produtores locais, onde se vende o mel de produción primaria e en circuíto curto, e eses son meles con garantía de produción en Galicia".

O consello regulador da IXP certifica cada ano entre 300 e 600 toneladas de mel galego.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/11/2019