CRTVG

Buscar

A ciencia desmente a quimiofobia: os aditivos alimentarios son seguros

Publicado o 18/01/2020 14:50

Sen colorantes, sen conservantes, sen químicos... Cambiamos a preposición. Onde antes buscabamos alimentos con sabores engadidos agora moitos consumidores pagamos máis para que leven os menos aditivos posibles. Buscamos o 100% natural nos envases como sinónimo de saudable e de seguro cando o problema non está na orixe do aditivo.

"Á parte dun aspecto de moda e un aspecto emocional e irracional dos consumidores, é certo que pode haber intereses comerciais interesados en promocionar alimentos sen isto, sen o outro. Como se a presenza deses aditivos fora negativa, tóxica ou perigosa." Afirma Jorge Barros, catedrático de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Santiago. 

Poucos saben ler as etiquetas alimentarias. Sorprendémonos ao ver a composición dun ovo ou dun plátano e non levan aditivos. A falta de coñecemento fainos desconfiados.

Jorge Barros, catedrático de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Santiago, insiste: "Unha cousa que un produto sexa seguro ou non e outra que debamos consumilo de modo continuo. É certo que hai certos embutidos e carnes encarnadas que sendo produtos seguros debemos limitar o seu consumo non por un tema de seguridade, por un tema nutricional. Todos os produtos que están no mercado alimentario, mentres non se demostre o contrario, son produtos aprobados pola autoridade sanitaria competente e os aditivos pola autoridade europea correspondente, e son produtos seguros."

Pero aínda así en ocasións dámoslles máis creto ás aplicacións móbiles que ao que nos din os científicos.

Noticias web

18/01/2020